Ao longo deste ano, moitas familias saíron á rúa para defender o que consideramos esencial: un ensino xusto, inclusivo e con medios suficientes para que os nosos fillos e fillas poidan aprender, medrar e soñar en igualdade de oportunidades. Con cada mobilización, con cada paso compartido, estades dando unha grande lección de dignidade ás vosas nenas e aos vosos nenos, e tamén a todas nós, amosando que defender dereitos é tamén educar.
Pero esta loita non se dá só nas rúas. Queremos recoñecer tamén a todas aquelas familias que, sen participar nas mobilizacións, loitan cada día desde os seus centros, acompañando ao alumnado, colaborando co profesorado, apoiando ás ANPAS e defendendo, con pequenos xestos cotiáns, que as súas fillas e fillos reciban o mellor ensino posible. Ese compromiso diario, silencioso moitas veces, é igualmente valioso e necesario.
Porque a esperanza nace de saber que non estamos sós. Nace de cada familia implicada, de cada esforzo compartido e da certeza de que o cambio é posible cando camiñamos xuntas e xuntos, cada quen desde o lugar no que pode estar. O ensino que desexamos constrúese pouco a pouco, coa suma de todas as vontades e coa mirada posta no futuro.
Desde a FAPACEL queremos agradecervos de corazón a vosa confianza, a vosa entrega e a vosa constancia. Que este Nadal sexa un tempo para descansar, para coidar e para recargar forzas, e que o novo ano nos atope unidas e unidos, con renovada ilusión.
Seguiremos avanzando, sumando pasos e abrindo portas, para facer realidade a educación que merecen os nosos fillos e fillas.
Bo Nadal e un 2026 cheo de esperanza e futuro compartido
