O martes día 10 de febreiro como celebración de Entroido o Concello de Lugo realizará unha actividade para Primaria nos baixos da praza de Abastos (o edificio enfronte do centro sociocultural Uxío Novoneyra, onde se fai mercado 2 mañás á semana), a partir das 16:30 da tarde que inclúe obradoiros de elaboración de elementos tradicionais de Entroido e de toques de percursión e botes (saltos).
Para o primeiro obradoiro, de elaboración de sombreiros tradicionais cada neno ou nena tería que levar un sombreiro de palla, que se decorará con cintas de cores, material do que dispoñen.
Para os toques de percusión o alumnado ten a oportunidade de levar instrumentos de percusión ou caseiros que fagan ruído (bombos, tambores, instrumentos de cociña como pratos ou culleres, pedras, claves, paus, sachos, cunchas, latas, chocas…).
Para o obradoiro de saltos de boteiros sería idóneo que se leve un cinto ou cordón cun instrumento que faga ruído ao saltar como chocas, ferreñas de pandeiretas, axóuxeres (que se distribuirán).
Ás 18 horas haberá un ensaio para un percorrido posterior polas rúas da cidade de Lugo (ás 18:15 aproximadamente) representando un folión ou fulión tradicional, onde se irán marcando os ritmos característicos dos distintos Entroidos. Neste folión, soarán toques de Viana do Bolo e Vilariño de Conso entre outros. Con esta saída polo centro da cidade pretenden que todos os asistentes e o público xeral lle dea a benvida ao Entroido e poida participar de maneira activa acompañando os toques do folión e facendo posible que unha das tradicións máis fermosas do tempo de Entroido, e que é unha parte moi importante do noso patrimonio cultural, permaneza viva ao longo do tempo.
Dende a ANPA animámosvos a participar nesta actividade tan vencelllada ás nosas tradicións.
Se tedes interés en asistir e participar, mandádenos un correo a anpaabella@hotmail.com para poder enviarlles ao concello ata o venres 6 de febreiro o número aproximado de participantes do noso colexio, para que fagan previsión das prazas necesarias.
Saúdos,