O venres tivemos a sorte de poder levar a dúas clases «da escola á granxa». Foron os dous grupos de 2º E.P. a visitar CASA BÉRTOLO&SERRANO, unha granxa de leite ecolóxico que fai queixos de maneira tradicional e artesanal. A cativada puido disfrutar da espectacular contorna, o día despois do Día da Paisaxe, coñecer a todos os animais que alí viven e traballan, que non son poucos: as vacas, por suposto, cós seus becerriños, os cans e cadelas pastores e gardiáns e as burras, que protexen o gando dos ataques do lobo. Descubriron que aínda quedan moitos castros soterrados, que baixo algunhas colinas con forma circular agóchanse antigas cidades amuralladas. Recolleron noces e castañas do campo. E por último aprenderon como se fai o queixo de maneira artesanal, e mesmo probaron a ser mestres queixeiros por un día!
E tanto traballo, ben mereceu un descanso para degustar leite fresco, marmelada de amoras, iogur natural, distintos tipos de queixos e empanada de xamón e queixo, todo elo saído das amorosas mans de Concha, Xurxo e a súa filla Ada.
Esta foi unha actividade subvencionada pola Area de Medio Rural da Deputación de Lugo, subvención que solicitou e xestionou a ANPA.

Nos vindeiros días teremos a segunda parte desta subvención, desta volta para as crianzas de infantil. Terán un obradoiro práctico no centro realizado por ADEGA.
Por se tiñades dúbidas sobre as tarefas que leva a cabo a ANPA, a xestión de subvencións para conseguir actividades para o noso alumnado é unha delas.
E por suposto, contando sempre coa colaboración do equipo directivo e docente do noso cole, sen a cal, estas actividades non serían posibles.